Saturday 18 de May de 2024

A Rede de Bibliotecas Municipais traballa na internet para lle ofrecer contidos culturais e información veraz á cidadanía


 

Os centros soben a diario enlaces de plataformas en que descargar libros ou realizar préstamos de distinto material, así como manteñen en activo os clubs de lectura (abertos para que se apunte de forma virtual a veciñanza que queira), e mais as sesións en familia

A Rede de Bibliotecas Públicas Municipais reúne para
estes días de confinamento unha serie de iniciativas na web e a través do seu facebook,
twitter e instagram, redes que tamén están dispoñibles para que as persoas usuarias
contacten coas e cos profesionais destes centros. Entre as actividades que promoven na
internet, está a de informar de xeito fiable e sen ruído sobre a pandemia, para o que acoden
a fontes oficiais. Seleccionan a diario plataformas de préstamo e descarga de lecturas, cine
en streaming, playlist e podcast co fin de que a cidadanía acceda a contidos culturais de
todo tipo. Tamén manteñen a comunicación coas e cos integrantes dos clubs de lectura
presenciais. Nesta nova modalidade “virtual”, abren as portas para que entren as veciñas e
veciños que así o desexen.
Por outra banda, continúan coa programación coas familias con sesións diarias de contos.
As coruñesas e coruñeses poden estar ao día da oferta cultural que a rede publica a través
dos blogs que teñen en activo como Fancomic, Bibliosons, Blog de literatura e Blog de
literatura infantil e xuvenil. Neste aspecto, colaboran con artistas e escritoras/es locais para
que presenten e falen da súa obra e canalizan as dúbidas que poidan xurdir nesta situación.
Ademais, dan a coñecer iniciativas de particulares para frear a curva. Para as e os veciños
que non frecuentan as redes, están pensando noutras propostas que as/os entreteñan e
coas que poidan ampliar a súa bagaxe cultural. Irán informando sobre elas estes días.